Publicacións

Toponimia

Parte do alumnado (Álex, Iago Gabeiras, Iago Expósito, Jimena, Lucía, María, Nerea, Pablo e Sergio)  investigou sobre lugares do concello que tivesen nomes relacionados con plantas. Na listaxe están os seguintes: Espiñaredo ,  O Freixo ,  Porto do Liño (A Faeira) ,  O Piñeiral (Goente) ,  As Teixoeiras (Espiñaredo) ,  O Carballo (Bermui) ,  O Piñeiro (Espiñaredo) ,  A Maciñeira (Somede) ,  O Bidueiro (Vilavella) ,  O Carballal ,  Pereira (O Deveso) . Se alguén pode aportar algún dato que complete esta información, estaremos agradecidos!

Estampacións

Imaxe
Na clase de Plástica, o alumnado empregou exemplares de plantas frescas para facer estampacións sobre láminas. Premendo na imaxe pode verse o resultado do seu traballo.

Visita dos futuros alumnos do centro

Imaxe
A finais de curso, visitounos o alumnado de 6º de Primaria que o ano que vén virá ao noso centro. Durante a xornada de acollemento, participaron nun obradoiro na aula de Plástica, no que utilizando plantas frescas e realizando estampacións, elaboraron marcapáxinas. Premendo na imaxe do marcapáxinas pode verse unha selección dos que fixeron.

Comezamos!

Imaxe
O alumnado encargouse de recompilar información sobre os nomes e usos tradicionais das plantas da nosa zona (As Pontes e arredores). Para iso, buscou informantes que puideran aportar algún coñecemento adquirido a partir da transmisión oral. Unha vez localizados, a tarefa consistiu en gravar a información proporcionada e recoller mostras das plantas das que se obtivo información, prensalas e conservalas. O primeiro paso paso para levar a cabo o noso proxecto foi aprender a empregar as follas de recollida de datos e a realizar o prensado das mostras recollidas.

Proxecto Fitofaladoiro

Imaxe
O Fitofaladoiro é un programa que ten como obxectivo documentar e preservar o saber popular relacionado cos nomes e usos das plantas en Galicia. No IES Plurilingüe Castro da Uz comezamos no curso 2017-2018 a nosa participación neste programa, coa intención de colaborar na conservación do noso patrimonio lingüístico e cultural ao tempo que coñecemos a biodiversidade vexetal de Galicia. O proxecto será realizado durante este curso polo alumnado de 1º de ESO, nas materias de Educación Plástica e Visual e Bioloxía e Xeoloxía, e baixo a coordinación de Amparo (profesora de Plástica) e Macamen (profesora de Bioloxía).